Friday 03 de May de 2024

O Concello saca a concurso a concesión da nova cafetería do Pazo dos Deportes de Riazor


Ademais, hoxe adxudicouse o servizo de salvamento e vixilancia nas praias da Coruña, que entrará en funcionamento o xoves 15 de xuño e estará operativo ata mediados de setembro

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a licitación da concesión da cafetería do Pazo dos Deportes de Riazor, un servizo que se prestará por un prazo de dez anos, improrrogables. A empresa adxudicataria deberá asumir un canon mínimo anual de 3.377,33 euros.

Esta nova instalación, que ampliará o servizos ao público no Pazo, ocupará unha superficie total de case 92 metros cadrados, inclúe dúas barras con distintas ubicacións, dous espazos diferenciados de cafetería —un aberto, situado na entrada do edificio, e un pechado—, así como dous almacéns.

O expediente de contratación, que recibiu luz verde este venres, pasará a continuación a exposición pública por un prazo de 30 días hábiles, mediante o correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e a súa publicación no perfil do contratante do Concello da Coruña.

O servizo de salvamento nas praias entrará en funcionamento o 15 de xuño

Ademais, hoxe adxudicóuselle á empresa Top Rescue o novo contrato do servizo desalvamento e socorrismo nas praias da Coruña, que estará operativo desde o xoves 15 xuño ata o 15 de setembro. O orzamento do servizo é de 538.813 euros anuais.

O contrato será prorrogable por un ano máis, e será aplicable no mesmo período que este verán.